Thursday 25 de April de 2024

O piloto Javier Ramilo gaña o V RallyMix Concello de Touro


Equipos e afeccionados desfrutaron durante un fin de semana asollado de dúas emocionantes xornadas de automobilismo nas pistas de terra e asfalto do municipio de Touro

O piloto Javier Ramilo Queijo, da escudería Yacar Racing e a bordo dun Carcross Yacarcros foi o gañador do V RallyMix Concello de Touro, celebrado a pasada fin de semana nas pistas de asfalto e terra do municipio de Touro. Na proba particiaron un total de 76 pilotos de Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal, dos que 63 remataron o V RallyMix Concello de Touro, organizado pola escudería Touro Motor co apoio da Federación Galega de Automobilismo e o Concello de Touro. A proba é valedeira e puntuable para o Campionato Xunta de Galicia RallyMix 2022. Javer Ramilo Queijo xa colleitou a victoria nas dúas edicións anteriores do RallyMix Concello de Touro, celebradas respectivamente nos anos 2019 e 2021.

Javier Ramilo Queijo, que finalizou a primeira xornada da proba, celebrada o sábado día 30 de abril, liderando tamén a clasificación, foi quen de manter a súa primeira posición ata a finalización do V RallyMix Concello de Touro. O seu tempo: 30.15.959. O segundo posto foi para Javier Martínez Carracedo, da escudería Carracedo Competición. Pilotou un CarCross Yacarcross e quedou a 9.622 de Javier Ramilo Queijo. O seu tempo foi de 30.25.581. O terceiro lugar ocupouno Jacobo Andujar Moure, da escudería Estradense. Este piloto fixo un tempo de 30.27.506, e a 11.547 do gañador.

Os pilotos locais Víctor González Conde e David González Souto situáronse na clasificación final nos postos 22 e 28 respectivamente. Víctor González, que correu cun Carcross Yacarcross fixo un tempo de 33.46.596. Pola súa banda, David González Souto, a bordo dun Carcross Kincar, parou o reloxio nun tempo de 35.25.366.

Clasificación de turismos

Pola súa banda, o primeiro lugar na categoría de turismos foi para Dario Calviño Domínguez e José Pintor Bouzas, de Yacar Racing. O seu Ferrari 360 Módena SCC marcou un tempo de 30.47.183. En segundo lugar chegaron José Fernández Gay e Alfredo Carballo Fernández, tamén da escudería Yacar Racing, a bordo dun Volkswagen Polo R5. Fixaron un tempo de 30.52.090. Xa en terceiro lugar na categoría de turismos carrozados quedou o piloto Celestino Iglesias Duarte, de Desguaces Tino Racing, conducindo un Ford Fiesta N5. Acompañouno a copilota Bárbara Gómez Oubel. Marcaron un tempo de 30.58.442.

As dúas xornadas do V RallyMix Concello de Touro durante o fin de semana aportaron espectáculo nas estradas que conformaron o circuito na parroquia de Loxo. O sol tamén fixo que moitos afeccionados poideran achegarse ata Touro para desfrutar do deporte do motor. Trala proba fíxose entrega dos premios e trofeos aos gañadores. José Ramón González Villar, presidente do comité organizador do V RallyMix Concello de Touro e presidente da escudería Touro Motor, agradeceu o respaldo por parte das institucións que apoiaron a organización da proba. “Os técnicos dos equipos e os pilotos e copilotos felicitáronnos polo trazado do circuito e pola organización”, destacou José Ramón González, quien agradeceu tamén a numerosa asistencia de equipos e de afeccionados. “Todos, uns e outros, poideron desfrutar da emoción dunha fin de semana de automobilismo nas nosas estradas”, destacou o presidente da escudería Touro Motor.